Condicións de uso dos recursos-e baixo licenza

Os recursos-e (revistas-e, libros-e e bases de datos) que a Biblioteca Universitaria pon a disposición da comunidade universitaria están suxeitos a unha serie de condicións de uso fixadas polos contratos de licenza a través dos cales se adquiren ou subscriben pola Biblioteca ou o Consorcio Bugalicia.

En síntese, as condicións de uso:

  • O uso dos recursos permítese só aos usuarios/as autorizados/as entendendo por tales os membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo sempre que accedan desde ordenadores con enderezo IP do rangos da rede informática da universidade. Non obstante, a maioría dos editores permite tamén o acceso remoto aos contidos a través de proxy.    

+ información sobre o acceso vía proxy.

  • Os editores tamén adoitan permitir o  acceso e uso dos recursos-e a persoas alleas á comunidade universitaria que, sendo usuarios/as da Biblioteca Universitaria, verifiquen o acceso desde ordenadores instalados nas bibliotecas da Universidade de Vigo (usuarios walk-in).
  • Os/as usuarios/as autorizados/as poden ler, imprimir e descargarse os contidos sempre que sexa con fins de estudo, docencia ou investigación e sen ánimo de lucro. Calquera outro uso debe contar coa autorización expresa do editor. En todos os casos hai que citar a fonte da que se obtiveron os documentos.
  • Non está permitida a descarga masiva de documentos nin a descarga e almacenamento de números completos de revistas ou libros íntegros, como tampouco a de partes substanciais das bases de datos. Tampouco se autoriza a utilización comercial da información contida nestes recursos. En caso de que se infrinxa esta prohibición, os editores poden emprender accións legais contra a persoa infractora, así como penalizar a toda a comunidade universitaria denegando, interrompindo ou cancelando o acceso aos recursos.

 

Para consultas sobre estas condicións xerais de uso ou as dun recurso-e en particular, póñase en contacto con referencia@uvigo.es