Solicitar subscrición de revistas e bases de datos

As subscricións de revistas (impresas e electrónicas) e de bases de datos e outros produtos análogos supoñen compromisos de continuidade que se constitúen en gastos fixos ao longo do tempo. Coa finalidade de ordenar estes gastos, a Biblioteca Universitaria ten establecido un procedemento especial para a solicitude de novas subscricións de acordo co establecido polos artigos 53 e 54 do Regulamento da Biblioteca Universitaria.

O procedemento consiste na presentación dun escrito de solicitude asinado polo PDI solicitante e avalado polo Director/a do seu Departamento (ou, no seu caso, polo Director/a ou Investigador/a principal do proxecto de investigación). Este escrito dirixirase ao Presidente da Comisión de Biblioteca, na actualidade o Vicerreitor de Economía e Planificación. No escrito, ademais de argumentarse dun xeito adecuado a necesidade da subscrición, se indicarán os datos básicos dela (título, editor, prezo, etc.) e o orzamento co que se pretende facer fronte ao gasto da subscrición (Biblioteca Universitaria, Departamento ou Proxecto de Investigación).

As solicitudes con cargo aos orzamentos da Biblioteca Universitaria, revisaranse pola Biblioteca e a Comisión ao efecto de avaliar a súa relevancia, os custos implicados e as dispoñibilidades orzamentarias. Do resultado da avaliación darase conta á persoa solicitante mediante escrito ou correo-e do Director da Biblioteca Universitaria ou, no caso das revistas, da Xefa da Sección de Hemeroteca.

No referido ás revistas, non se subscribirá ningún título que xa teña o texto completo dispoñible en internet de modo gratuíto. Así mesmo, non se subscribirán edicións impresas de títulos aos que a Biblioteca xa ofrece acceso electrónico. Por último, agás os casos nos que o título solicitado non teña versión electrónica, a Biblioteca subscribirá sempre a edición electrónica.

Para consultas ou dúbidas sobre as subscricións, póñase en contacto con xshem@uvigo.es