Membros da comunidade universitaria da Universidade de Vigo

Mediante este servizo, os membros da Universidade, así coma todas as persoas autorizadas poden solicitar os documentos que precisen e que non estean dispoñibles na nosa Biblioteca. Se o que lle interesa é un documento que se atopa nalgunha das bibliotecas ou salas de lectura da universidade, terán que utilizar o servizo de Préstamo e circulación.

A obtención de documentos pódese facer mediante préstamo interbibliotecario ou fotodocumentación:

Préstamo interbibliotecario: documentos orixinais en calquera soporte (papel, microforma, cd-rom etc.). Normalmente, están excluídas de préstamo:

  • as obras anteriores a 1958
  • as obras de referencia (enciclopedias, dicionarios, atlas, bibliografías etc)
  • as publicacións periódicas (xornais, revistas)
  • as teses de doutorado e licenciatura e outros traballos de fin de carreira
  • os materiais especiais.

Os libros electrónicos sempre están excluídos do préstamo interbibliotecario.

Fotodocumentación: reproducións dos seguintes documentos:

  • artigos de revistas e outras publicacións periódicas
  • capítulos de monografías ou proceedings
  • papers
  • en xeral, todas as obras excluídas de préstamo (agás os libros electrónicos)

Normas xerais.

Non se poden pedir documentos que estean nos fondos da biblioteca universitaria. Este servizo ten un custo, polo que é moi importante a comprobación previa no catálogo.

Non se tramitarán solicitudes de documentos que tiveran claramente outra finalidade que non for o estudo, a docencia ou a investigación. Tampouco aqueles que fosen de fácil adquisición.

As peticións fáranse mediante o formulario electrónico. É necesario darse de alta no sistema previamente.

O prazo de recepción dos documentos solicitados é variable; a media é dez días. Os documentos solicitados recibiranse na Sección de Acceso ao documento. As fotocopias seranlle enviadas ao solicitante por correo electrónico ou correo interno. Se a solicitude é ao cargo do solicitante terá que recollelas, previo pago, nas bibliotecas depositarias. Os documentos orixinais recibidos en préstamo terán que ser consultados nas bibliotecas depositarias, xa que están excluídos do préstamo a domicilio. Os solicitantes recibirán por correo electrónico os avisos de chegada dos documentos e, no seu caso, do custo.

As bibliotecas depositarias son:

  • Biblioteca Central
  • Bibliotecas centrais dos campus de Ourense e Pontevedra
  • Biblioteca de Torrecedeira

O tempo de consulta das obras recibidas en préstamo interbibliotecario virá marcado polo que indique a biblioteca prestataria, habitualmente será duns 30 días. En ocasións será posible unha prórroga, que deberá solicitar con tempo suficiente (uns sete días antes de rematar o prazo de préstamo). A biblioteca subministradora poderá reclamar a devolución dos libros en calquera momento polo que é conveniente consultalos o antes posible.